A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO), membro da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), ofrece este 2025 grazas á ‘X Solidaria’ o seu programa de rehabilitación fisioterapéutica en Esclerose Múltiple, co fin de poder seguir ofrecendo na súa sede sesións individuais e grupais de fisioterapia dirixidas a manter ou mellorar o mellor estado funcional posible das persoas afectadas de Esclerose Múltiple usuarias deste servizo.
A través do servizo de fisioterapia, AVEMPO ofrecerá grazas á ‘X Solidaria’ rehabilitación terapéutica continuada a unhas 40 persoas usuarias dende este mes de xuño e ata finais de ano, con sesións semanais, tratando de atrasar así o avance da discapacidade que pode xerar a coñecida como ‘enfermidade das mil caras’ e maximizar a autonomía das persoas afectadas pola Esclerose Múltiple. Para desenvolver este servizo, AVEMPO contará cunha profesional contratada a través desta subvención entre os meses de xuño e decembro, que traballará xunto ao resto de profesionais do servizo de fisioterapia que ten a entidade.
Ademais, co proxecto de adquisición de material para programas de rehabilitación con persoas con EM, a Asociación poderá adquirir novo material para as sesións de fisioterapia, como unha camilla eléctrica e un dinamómetro. Este proxecto permitirá tamén renovar parte do equipamento informático do que dispón a asociación, coa adquisición de tablets e ordenadores.
Estes programas poderán levarse a cabo grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda. Destes programas beneficiarase máis dun centenar de persoas afectadas de esclerose múltiple da área de Vigo e a súa contorna. En concreto, do servizo de fisioterapia beneficiaranse case 40 persoas a través desta axuda, mentres que o material informático estará a disposición das preto de 80 persoas que acoden semanalmente á sede de AVEMPO.
AVEMPO lembra a importancia de marcar a casilla 106 de ‘Actividades de interese social’ na actual campaña de declaración da renda, que finaliza o vindeiro 30 de xuño,. para que as persoas contribuíntes poidan destinar, sen que lles custe nada, un 0,7% dos seus impostos a proxectos sociais que axudan a milleiros de persoas en situación de vulnerabilidade no noso país.