II Premios Provinciais á Xuventude

O pasado 2 de marzo publicáronse as bases reguladoras da II Edición dos Premios Provinciais á Xuventude 2018, iniciativa que ten como finalidade poñer en valor e promover o talento e o potencial da xuventude na nosa provincia.

Esta convocatoria está dirixida á mocidade de entre 16 e 35 anos de idade, empadroada en calquera dos concellos da Provincia de Pontevedra, e conta con 7 modalidades:

  • Iniciativa social.
  • Iniciativa empresarial.
  • Blogs.
  • Educación en valores.
  • Traballo musical.
  • Traballo literario (prosa e poesía).
  • Fotografía orixinal.

Os premios están dotados cun total de 22.000,00 €, e o prazo para a presentación das solicitudes estará aberto dende o 6 de marzo ata o 6 de maio de 2018.

Así mesmo informámosvos que a categoría de Iniciativa Social está dirixida tanto para proxectos individuais que son xestionados de maneira autónoma por persoas físicas como para aqueles proxectos xestionados por entidades ou organizacións de iniciativa social que conten con outros proxectos en funcionamento.

Ante calquera consulta, non dubidedes en consultar a páxina web www.depo.gal ou en poñervos en contacto có Servizo de Cohesión social e Xuventude, a través do enderezo cohesionsocialexuventude@depo.es.

Descargar (PDF, 384KB)

Aberto prazo solicitude Depotermal

O prazo de solicitude será do 20 de marzo ao 18 de abril de 2018, ambas as datas incluídas.

Este plan ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais, favorecendo a participación en actividades que melloran o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

O plan termal da Deputación “Depotermal” 2018 pon en marcha dous programas:

  • Programa de asistencia diaria a balnearios durante cinco días consecutivos.
  • Programa termal con pernoita.

Todos os concellos da provincia de Pontevedra poderán sumarse ao plan mediante un acordo de adhesión adoptado polo órgano competente, remitindo unha certificación expedida pola Secretaría do concello. O prazo para que os concellos soliciten a adhesión será do 14 de febreiro ao 5 de marzo de 2018.

Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade e que cumpran algún dos seguintes requisitos:

  • Nacer antes do 1 de xaneiro de 1968, feito que se deberá acreditar cunha fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou co número de identidade de estranxeiro (NIE), segundo o caso.
  • No caso de nacer o 1 de xaneiro de 1968 ou con posterioridade, ter a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións, para o que se deberá presentar unha fotocopia do certificado correspondente.
  • No caso de nacer o 1 de xaneiro de 1968 ou nunha data posterior, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que se acreditará coa tarxeta ou certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.
  • Precisar un respiro familiar, o que se acreditará mediante o modelo de informe da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos.

No caso de persoas que desexen participar no plan de forma conxunta é preciso que as dúas persoas cumpran os requisitos esixidos nestas bases.

As persoas beneficiarias deben reunir ademais os seguintes requisitos:

  • Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades transmisibles con risco de contaxio.
  • Poder valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria.

Máis info e solicitude:

https://www.depo.gal/depotermal